Plan de Voluntariado FWFF

1. En que consiste ser voluntario?
Basicamente, en colaborar co equipo de traballo da FWFF na preparación dalgunhas das diferentes actividades que organiza a Fundación Wenceslao Fernández Flórez así como en distintas áreas que van desde a axuda nas tarefas de xardinería, no exterior da casa, ata as de conservación, no interior, contribuíndo a mellorar a experiencia dos visitantes.

2. Por que ser voluntario? 
Aqueles que, superados os 16 anos, se ofrecen como voluntarios fano porque disfrutan da FWFF e porque lles gusta o ambiente en que se desenvolve o traballo e os resultados do mesmo. Algunhas das ventaxas de ser voluntario son:
~ Vívese a casa-museo doutro xeito e, por tanto, vívense experiencias diferentes.
~ Coñécese nova xente e fanse novas amizades traballando en equipo.
~ Xógase un importante papel dentro do espacio herdado de WFF a través da súa obra e do seu espírito.
~ Nalgúns casos pódese contribuír a facer CV.
~ Auméntase a confianza participando en tarefas que son recoñecidas e valoradas.
~ Pode unha persoa atopar unha actividade de tempo libre cando non ten opción a outro labor.
~ Pode disfrutar dun novo xeito de entender a cultura!
Ser voluntario ten a súa compensación á hora de asistir a actos ou á de participar en actividades. O único que se precisan son algunhas horas á semana e un grande entusiasmo!

3. Cales son os roles nos que se pode colaborar? 
Na FWFF, seguindo o exemplo doutras casas-museo, maiormente de Inglaterra e EEUU, elaboramos unha lista de áreas de colaboración que os voluntarios poden escoller atendendo ao seu interese particular ou ás súas habiliades, dende o espírito creativo ata o técnico:
1. Asistente en eventos: Magosto, San Xoán, Romería das Letras Galegas, Tarde de xogos, Baile de épocas…
2. Asistente en actividades educativas, tales como o teatro, os talleres de verán, cursos, deseño e elaboración de decorados, vestiario, etc.
3. Asistente no xardín, contribuíndo a manter coidado e en bo estado o espacio verde arredor da casa.
4. Asistente durante as visitas, nas diferentes salas da casa, en contacto directo cos visitantes cando veñen grupos moi numerosos, atención no exterior na organización de xogos ou visitas ao monte, etc.
5. Asistente nas tarefas de convervación do museo, da biblioteca ou da sala de investigadores.
6. Asistente nas tarefas de mantemento.
7. Actor caracterizado para a recepción de visitantes, nas expedicións literarias, no Noite de San Xoán, Magosto, Baile de épocas, Picnics literarios…
8. Outras suxerencias posibles que nos sexan dadas.
Estas son as liñas de acción que nós elaboramos en función da nosa actividade. Loxicamente, segundo as habilidades de cada quen, así se adaptará a cada rol.

HORARIO
Luns, de 16.00h a 19.30h. Martes e Venres, de 16.00h a 21.00h.
Sábados e Domingos, de 12.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.00h.