
Ano 2005. FWFF.
Hoxe foise un amigo, o noso amigo e Presidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, da Fundación Isla Couto, de Galaxia e membro da Real Academia Galega, Medalla de Xoán XXIII e distinguido home da nosa Cultura Galega.
Sempre amosaba un sorriso, ata nos derradeiros instantes, acompañado da súa inseparable Angustias, da súa valedora e compañeira de correrías dos seus días. Grazas, Angustias, no seu nome, porque estou seguro de que Xaime, desde o Alén, te protexerá.
Cando Angustias me chamou eu estaba no curuto do Monte Santa Tegra acompañando a Antonio Luis Fernández Flórez nunha pequena excursión polo Sur de Galicia. Suspendimos ao momento, pois a forza de Deus é superior á dos homes.
Angustias estaba obnubilada, inqueda, houbo que tranquilizala. De seguida chamei ao seu amigo, X. Martinez Cobas, quen ao momento non respondeu. Logo devolveume a chamada. El estaba máis perto e inmediatamente foi para o Hospital de Fátima a encargarse dos trámites.
Eu sigo facendo chamadas. Algunha xente non responde, pero outros si, como Xosé Luis Méndez Ferrín, a quen collo de sorpresa e xa se encarga da comunicación na Real Academia Galega. De camiño a Vigo recibo as chamadas feitas. A xente vaise enterando, pois a nova corre como a pólvora.
O amigo Xaime morreu.
Tamén llo conto ao meu can ao chegar á casa… Xa non volveredes xogar… Que inxusto… Moita xente debería ser inmortal, pero o corpo agótase e Deus lévao ao seu carón. Ao chegar daralle saúdos a Del Riego, aínda que seguro que se poñen a rifar e, ao non estar eu no medio, a cousa pode ser endiañada… A ver se Casares ou Wenceslao lles devolven a paz… Tamén Paz Andrade andará por alí atareado co tema de programa do ano na Real Academia Galega. Tamén terá a Doña Concepción Arenal cerca e a Cesáreo González ou a García Barbón… Son moitos os coñecidos e teñen moito de que falar. Xaime non leva presa… e eles tampouco a teñen…
O seu sorriso, o seu saludo: ¡Ola amigo…! ¿Qué tal a Fundación WFF? Ben Xaime, ti xa xabes que alí aquelo funciona ata sen cartos con aquelas rapazas amigas túas. Por certo, que a noviña vai ler a Tese sobre Wenceslao o venres 27… Asinte coa cabeza e véñenselle unhas bágoas.
Esa era a vida reducida de Xaime, coa alegría de Angustias incitándoo a cantar o himno da República e outros cantos populares aos que el seguía a letra sen equívoco. ¡Aló se foi o primeiro español que declarou a Republica en España no colexio sendo novo e á chegada do Bispo!
Un home dos poucos, coas ideas claras sobre Galicia como tarefa.
Unha fonda aperta, querido Xaime, e dá saúdos a Wenceslao cando chegues.
Antón Montero
